As familias pontevedresas gastan de promedio 4.400 euros na festa da Primeira Comuñón
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Federación Provincial de Comercio de Pontevedra calcula que as familias de nenos que fagan este ano a Primeira Comuñón gastarán de media 4.405 euros por neno, podendo subir o gasto en 350 euros máis para as nenas debido á diferenza de prezo nos traxes.
Unha enquisa realizada pola federación sobre o gasto en primeiras comuñóns na provincia de Pontevedra calcula o gasto medio estimado en conceptos como traxes de primeira comuñón, comida, recordatorios ou reportaxe fotográfico. Os datos son resultado dun estudo realizado en 35 concellos da provincia, entre os que se atopan Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.
Segundo esta enquisa, o prezo pode variar moito en función do gasto en restaurante, pois hai familias que celebran a Primeira Comuñón en pazos-restaurantes, cunha media de gasto aproximada de entre os 60 e 90 euros por persoa e outras que o reducen a 28 euros.
As cifras facilitadas pola Federación provincial sinalan que, o traxe custa 200 euros de media -ata 370 máis para as nenas-; en recordatorios gástanse 80 euros; en invitacións, 55; a reportaxe fotográfica custa uns 110 euros, 165 se inclúe vídeo; e en restaurante gástase de media 1.925 euros na comida dos adultos e 960 na dos nenos.
Ademais, inclúese como gasto a festa infantil para 40 nenos, valorada en 800 euros, e o prezo de contratar a monitores, que ascende a 110 euros de media. Non inclúe o gasto de roupa tanto do pai, nai ou irmáns, xa que hai moita variedade.
A media de gasto por agasallo está entre os 150 euros aos 350. Situándose como unha das campañas comerciais máis importantes que se realizan durante todo o ano, sobre todo os dedicados a téxtil.