Perde o control do seu coche e acaba sobre un viñedo de Cerponzóns
Por Redacción
Un espectacular accidente de tráfico alterou a tranquilidade dos veciños de Cerponzóns. Ocorreu esta pasada madrugada. Un condutor perdeu o control do seu vehículo e acabou aterrando sobre un viñedo.
O sinistro, segundo informou o 112 Galicia, produciuse no quilómetro 115 da N-550, á altura do lugar de Pidre.
Por causas que investiga a Garda Civil, o turismo saíu da estrada e caeu sobre un viñedo situado nunha cota inferior á calzada.
O condutor do Renault Clio accidentado resultou ileso e deu negativo na proba de alcoholemia.
A principal hipótese dos investigadores é que o dono do coche sinistrado podería terse quedado durmido ao volante.