Renovado o convenio con Autocares Rías Baixas para subvencionar o billete a Monte Porreiro
Por Redacción
O billete de autobús a Monte Porreiro seguirá estando subvencionado. A Xunta de Goberno municipal renovou o convenio coa empresa Autocares Rías Baixas para que os veciños do barrio sigan gozando de descontos nos seus traxectos co centro da cidade. Será durante un ano máis, prorrogable ata un máximo de catro. Así o informou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
En concreto, o convenio é moi similar ao que estaba en vigor ata agora. Destinaranse case 75.000 euros para que os veciños de Monte Porreiro teñan un desconto en cada billete desde a súa viaxe número 12 ao mes e ata un máximo de 80. A partir do viaxe número 80 é a propia empresa a que ofrece os seus propios descontos "polo que se pagáramos por eles, ao final o custo sería negativo para os usuarios, habería que darlles cartos por usar o autobús".
Foi o asunto máis destacado dunha Xunta de Goberno na que o Concello de Pontevedra acordou acudirse no recurso presentado pola empresa San Mauro no Xulgado Contencioso Administrativo número 3 para poder construír un crematorio no seu actual tanatorio; ou se deu conta do acordo cos sindicatos para que nas baixas por embarazo de risco e por lactancia, as funcionarias poidan cobrar o 100% do seu salario.
Para rematar, aprobáronse obras por valor duns 700.000 euros. Trátase do acondicionamento exterior do campo de rugby de Monte Porreiro (241.000), adxudicada á empresa EC Casas, igual que a reforma dunha vía rural que une Bora con Cacabelos (Mourente), no que se investirán 241.000 euros. A terceira da actuacións, a reforma da estrada entre o campo de fútbol de Salcedo e a EP-19 entre Figueirido e Marín. Realizarao a empresa Eiriña por 229.000 euros.