CIG maniféstase contra a "paralización" da atención sanitaria durante o verán
Por Redacción
CIG-Saúde convoca para este martes 18 de xuño unha concentración ante o Hospital Montecelo contra as medidas de "ataque contra o Sistema Nacional de Saúde e contra os intereses dos traballadores da sanidade pública" que consideran que esta aplicando o Goberno. Na trastenda desta protesta está unha dura crítica ao que consideran unha "paralización" da atención sanitaria que se verá incrementado durante os meses do verán.
Dende o sindicato denuncian, entre outras situacións, que "en Atención Primaria non se están a substituír as ausencias nin se cobren baixas, vacacións e xubilacións". As mesmas críticas as aplican á Atención Especializada e engaden que os recortes chegan á hospitalización, pois "pechan o 20% das camas".
As consecuencias desta política sanitaria que poñen en cuestión son, para a CIG, "máis paro para os profesionais que se encontran nas listas de contratación, máis precariedade laboral e menor calidade asistencial".
Ante esta situación que relatan, pregúntanse como é posible que durante unha boa parte do ano se estean a pagar peonadas, baixo o argumento de reducir as listas de espera, e agora se pechan camas e paralízase parte da actividade".
CIG-Saúde critica que "un hospital non funciona a demanda" e que "as instalacións sanitarias paralizadas supoñen un maior custe ao sitema, un aumento das listas de espera e a imposibilidade de moitos traballadores de ter un só contrato em este ano".
A concentración ante Montecelo será este martes 18 de xuño ás 11.30 horas, incluirá unha asemblea de traballadores e terá as consignas "contra os recortes nas listas de contratación, en defensa do dereito ao traballo, en defensa do emprego público, máis emprego, máis calidade na sanidade".