Detido un pontevedrés por numerosos furtos e cunha orde de procura
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional detiveron un home de 40 anos de idade, veciño de Pontevedra, ao ter interesada unha orde xudicial de procura e detención por un Xulgado de Santiago de Compostela.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, os feitos sucederon sobre as 13:00 horas deste mércores 8 de maio, cando se recibiu unha chamada na sala do 091 alertando da presenza dunha parella no interior dunha barbería que tratara de subtraer a carteira dun dos responsables do establecemento.
Os axentes comprobaron como ao home constáballe unha orde de procura e detención requirida por un xulgado de Santiago de Compostela polo que procederon ao seu arresto e traslado a dependencias policiais.
Este individuo xa fora detido o día 11 de abril tras ser identificado como o presunto autor da subtracción dun bolso propiedade da encargada no interior do reservado dunha cafetería no que había 65 euros, documentación e tarxetas bancarias.
Tamén, o día 7 de maio foi identificado novamente por outra subtracción dun bolso que unha clienta tiña colgado nunha cadeira nunha sidraría da cidade. O bolso, valorado en 250 euros, contiña 200 euros en efectivo, documentación e tarxetas.
Ademais a propietaria do bolso comezou a recibir instantes máis tarde notificacións da súa entidade bancaria que lle advertían de varias retiradas de diñeiro en efectivo da súa conta por un total de 980 euros así como outras operacións denegadas por valor de 400 e 210 euros.
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número dous de Santiago de Compostela.