Ponte Caldelas sancionará os veciños que non limpen a maleza de terreos situados en núcleos de poboación
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de facer público un bando de ornato e limpeza no que se informa aos propietarios de terreos lindantes con vías públicas e camiños veciñais da obriga que teñen de proceder a realizar a curta e recollida de silveiras, maleza e outros elementos que imposibilitan o normal tránsito de peóns e vehículos, co conseguinte perigo para a seguridade vial que isto ocasiona.
Tamén por motivos de seguridade, o Concello de Ponte Caldelas recorda que, co fin de evitar riscos de incendio, se recorda a obriga de limpar a maleza e matogueira de todos os terreos situados en núcleos de poboación do municipio e franxa de 50 metros arredor dos mesmo, tal e como se recolle na normativa vixente.
No propio bando advírteselles, así mesmo, que quedan obrigados a retirar o produto da curta, deixando o camiño, estrada ou sendeiro correspondente en perfectas condicións de limpeza, así como presas de auga.
A Alcaldía recorda aos veciños de Ponte Caldelas que de facer caso omiso desta recomendación, ou producir calquera anomalía que poida prexudicar os intereses comunitarios, se procederá á imposición das correspondentes sancións aos infractores.
CACHARELAS DE SAN XOAN
O Concello de ponte Caldelas tamén informou de que con motivo da festividade de San Xoán e San Pedro, os próximos días 24 e 29 de xuño, aqueles veciños que decidan realizar a tradicional cacharela deberán solicitar o pertinente permiso. Poderán facelo antes do luns 17 de xuño nas oficinas municipais situadas na Casa do Concello.
Así mesmo, indican que só concederanse os permisos para as cacharelas tradicionais, de conformidade co establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia.