Tino Fernández aposta por converter Pontevedra "nunha factoría de arte e cultura"
Por Redacción
Converter Pontevedra "nunha factoría de talento artístico e cultural" é a nova proposta do Partido Socialista para as eleccións municipais.
O seu candidato, Tino Fernández, aposta por crear un 'Laboratorio de Acción Cultural' que sirva de vehículo vertebrador de todas as actuacións e iniciativas que os axentes sociais propoñan.
Segundo explica a plataforma tería a forma dun organismo de participación no que estará representada "toda a comunidade cultural de Pontevedra: asociacións, museos, arquivos, bibliotecas, centros socioculturais, Universidade, Escola de Belas Artes, centros escolares, colectivos veciñais, etc".
Trátase dunha idea que se pretende xogue un destacado papel na difusión das actividades culturais "mediante a posta en funcionamento dunha páxina web ou magazine dixital e a instalación de dous paneis informativos dixitais en lugares estratéxicos da cidade", explica Fernández.
Outra das propostas que a Agrupación Municipal do PSOE levará no seu programa consiste na creación do Instituto de Estudos Locais e Culturais de Pontevedra que entre outras cousas levaría a cabo un proxecto de recuperación e compilación de materiais e legados fotográficos e documentais sobre a cidade.