Entrega de premios aos mellores carteis e fotografías do concurso da 53 edición da Festa da Troita
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz entregaba os diplomas e o cheque de 400 euros á autora do cartel escollido para a 53 edición da Festa da Troita, ademais de outros tres cheques, de 300, 200 e 100 euros para as tres fotografías seleccionadas polo xurado e o público no concurso.
María del Carmen Guzmán Araújo foi a gañadora, de entre 19 traballos presentados, do concurso de cartelería. O seu traballo en formato de lenzo ao óleo cunha vista do río Verdugo lograba impoñerse ao resto.
No certame de fotografía presentábanse 61 propostas. A que acadaba o primeiro premio é a titulada 'Sen auga non hai fío', de Marcos Fernández Mosquera. O segundo lugar levouno Vanessa Veiga por 'Unha nova era' e o terceiro posto foi para 'Entre xigantes', obra de Amaya Duarte.
Todo este material e as dúas redaccións que resulten gañadoras nos certames abertos nos dous colexios públicos do municipio serán incorporados ao programa da Festa da Troita.