Volve a romería de maiores de Vilagarcía a cinco euros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As persoas maiores de Vilagarcía teñen o sábado, 22 de xuño, unha das citas máis esperadas do ano: a súa romaría anual. A festa organizada pola Área de Maiores que dirixe Ángeles Rodríguez, seguirá o esquema de edicións anteriores cun programa no que, a demais do xantar a base de produtos típicos, haberá concursos e torneos, homenaxes, baile e varias actuacións musicais. O departamento oferta 550 prazas e os interesados en participar no almorzo xa poden pasar pola Concellería a adquirir a entrada que ten un custe de 5 euros.
A Área de Maiores decidiu repetir este ano o escenario de Fexdega para celebrar a Romaría dos maiores despois da boa acollida que tivo este recinto o ano pasado cando a festa se trasladou alí en previsión de choiva. Os asistentes avaliaron positivamente a amplitude e a comodidade das instalacións que permiten tanto celebrar o almorzo baixo teito como gozar dos xogos e concurso ao aire libre nas zonas exteriores do recinto.
Os actos da romaría están abertos a todos os maiores que o desexen, coa excepción do xantar para o cal será preciso abonar 5 euros. O prazo para retirar as invitación abriuse este martes e os interesados poden facelo dirixíndose ás dependencias de Maiores, sitas na planta baixa do Concello. O único requisito para poder participar no xantar da Romaría é pertencer ao colectivo de persoas maiores e estar empadroado en Vilagarcía.
O menú do xantar comporase de entrantes a base de empanada de carne e bonito, mexillóns ao vapor e en vinagreta. Tamén haberá carne ao caldeiro e, de sobremesa, larpeiras e torta de mazá e servirase café e licores, ademais de viño e auga.
No transcurso da Romaría celebraranse os tradicionais torneos de chave, ra e brisca, así como o concurso de baile. Os premios concederanse tras o almorzo, cando tamén se renderá homenaxe ao home á muller de maior idade presentes na festa.
A Romaría contará con amenización musical tanto pola mañá como pola tarde, estando prevista a actuación dos alumnos da Escola de Música, do grupo de maiores que participa nos obradoiros Activa o teu Corpo, activa a túa mente que organiza a Concellería; e coa intervención do Trío "Los Tres Latinos" que se encargará da parte musical na sesión de baile.