![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51b6078292dda-desfibriladoresdeputacion.jpg)
© Deputación de Pontevedra
Aprendendo a desfibrilar
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51b607c934b98-desfibriladoresdeputacion1.jpg)
© Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2a0/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/570a1aeda7-23-10-salgueirinos-original.jpg)
© Deputación de Pontevedra
Un total de 40 persoas participaron este luns nos dous primeiros cursos de formación no manexo dos desfibriladores semiautomáticos externos que a Deputación de Pontevedra instalará en 80 instalacións deportivas de 37 concellos da provincia.
Os primeiros en recibir esta formación foron os homes e mulleres seleccionados polos concellos de Barro, Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Cangas, Ribadumia, Sanxenxo, Meis, O Grove e A Illa de Arousa e que serán os que, en principio, se encargarían de utilizar os mecanismos de desfibrilación que se instalen nos centros deportivos dos respectivos municipios.
Así mesmo, recibiron formación persoal da Deputación, dado que tamén está previsto instalar estes aparellos nos tres edificios da Administración Provincial que teñen diariamente unha maior afluencia de visitantes, e que son o Pazo Provincial, o Museo e o Centro Príncipe Felipe.
Os alumnos son, na súa maior parte, traballadores de centros deportivos e, en todos os casos, persoas que se atopan nos centros onde se van instalar os desfibriladores e que, en principio, serían os primeiros en atender á persoa que sufra un accidente cardiovascular no centro.
Dado que a reacción rápida e eficaz vai ser fundamental para salvar a vida do afectado, estes cursos teñen especial relevancia porque dan o coñecemento suficiente para que poidan actuar con seguridade e axilidade.
De feito, o programa do curso inclúe, ademais do propio manexo do desfibrilador, técnicas de soporte vital básico, entre as que se atopa a reanimación cardiovascular e manobra de resucitación. Inclúe simulacións de accidentados con moi distinto perfil (lactante, neno, adulto) e con casuísticas moi diferentes, co obxectivo de que saiban reaccionar e actuar en cada un dos casos.