Os vixiantes do Hospital Provincial denuncian ameazas de morte
Por Oskar Viéitez
O sindicato UXT denunciou que os vixiantes do Hospital Provincial son "increpados e insultados " por unha serie de persoas "habituais", ata o punto de recibir "ameazas de morte" ao tentar facer cumprir as "normas de convivencia básica e respecto tanto ao persoal como ás instalacións públicas".
Desde a UXT aseguran que a dotación de vixiantes de seguridade nos centros do Complexo Hospitalario está "baixo mínimos, sendo con diferenza a máis baixa dos hospitais de toda Galicia". A esta carencia suman a falta dun sistema de vídeo vixilancia axeitado.
Esta organización sindical critica a "inseguridade" que sofren os vixiantes no desenvolvemento das súas funcións "xa que as agresións, lamentablemente son constantes" e advirten que é "moi difícil exercer os seus labores de protección cuns mínimos imprescindibles, que garantan o normal funcionamento dos centros así como a súa propia integridade física".
Desde UXT solicitan ao Sergas que estude un "aumento significativo do persoal de seguridade", acorde ao número de servizos que ten cada centro así como do número de afluencia de usuarios aos mesmos.