O porteiro dun local de copas logra interceptar un mozo que roubara dous móbiles
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra detivo un veciño de Cangas de 30 anos como presunto autor dun delito de furto por levarse dous móbiles dun local de lecer da cidade, un deles valorado en 1.000 euros.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, o mozo, con antecedentes policiais, foi detido sobre as 6.00 horas da madrugada do sábado ao domingo e trasladado á Comisaría, aínda que logo quedou en liberdade á espera de que lle citen para a súa comparecencia no xulgado.
O porteiro do local de copas logrou reter ao suposto ladrón despois de que unha clienta se decatase de que lle roubaban o móbil do interior do bolso. A muller facilitou a descrición física do ladrón ao porteiro do establecemento, que o interceptou na porta cando trataba de escapar a toda velocidade. Unha vez sorprendido, arroxou os dous teléfonos móbiles ao chan.
O encargado do local de lecer avisou á Policía Nacional e, á chegada dos axentes, tíñano retido. Ademais, estaba localizada a vítima que lle sorprendera, que puido recuperar o seu teléfono, valorado en máis de 1.000 euros.
Tamén estaba localizado o propietario do outro teléfono subtraído, aínda que no seu caso recolleuno posteriormente en dependencias policiais. Os dous prexudicados polo furto presentaron denuncia polo sucedido.