ENCE rebaixa a 22 os despedimentos no ERE de Pontevedra pero o comité rexeita a proposta
Por Redacción
Segue sen haber acordo entre o comité de empresa e a dirección de ENCE para sentar as bases do ERE que a empresa quere establecer para reducir o número de traballadores nas súas tres factorías.
Na reunión que durante dous días mantivo en Santiago de Compostela a dirección de ENCE coa parte social cambiáronse os termos do expediente de regulación. Agora a empresa propón 22 despedimentos na fábrica de Lourizán en lugar dos 39 iniciais. Non se consideraba ningún despedimento traumático xa que a redución do persoal se realizaba a través de fórmulas establecidas como prexubilacións. O comité, non obstante, volveu rexeitar esta proposta. Segundo expoñía o presidente do comité de empresa, Jesús Graña, a eliminación de postos de traballo imposibilitaría o equipo realizar os labores que actualmente vén desenvolvendo na fábrica.
A empresa reducía tamén as súas pretensións iniciais nas fábricas de Navia e de Huelva, ademais de nas oficinas de Madrid. Os 144 despedimentos formulados meses atrás redúcense a 93 nas tres factorías e xa non se reduciría persoal en Madrid. Non obstante, a proposta é rexeitada polo comité no seu conxunto.
A dirección da empresa quería continuar a negociación sobre o ERE o xoves 13 de xuño en Navia con parte do comité. Non obstante, o comité non acepta estas condicións e, nas próximas horas, estableceranse contactos para pactar unha nova reunión.
O comité de empresa, ao mesmo tempo, mantense á espera de que tanto o concello de Pontevedra como as consellerías de Traballo e Industria, ademais do Presidente da Xunta os citen para unha entrevista na que queren solicitar apoios ante o ERE que a empresa intenta levar a cabo e coñecer as posturas sobre o mantemento da fábrica en Lourizán.