A Deputación presenta por primeira vez a memoria de actividades do ORAL
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou a Memoria do 2018 do ORAL, o órgano de xestión tributaria e catastral da institución provincial que presta servizo a 53 concellos de menos de 20.000 habitantes e a 9 entes (mancomunidades, consorcios ou entidades locais menores) que teñen delegada algunha competencia de carácter tributario nela. É a primeira vez na que o ORAL presenta unha memoria da súa actividade, algo que Carmela Silva defendeu como un "exercicio de transparencia".
"Que a xente saiba como xestionamos todos os servizos desta casa", dixo a presidenta.
Para realizar estas tarefas que ten encomendadas a ORAL conta cun total de 140 postos de traballo, dos que 130 atópanse ocupados. Para dar servizo a estas xestións delegadas conta con 23 centros de traballo.
O 86,5% dos concellos da provincia teñen delegada a xestión do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e a recadación executiva da integridade dos seus tributos. Un total de 84,6% teñen delegado o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e o 80,8% o imposto de vehículos ( IVTM). En síntese, os impostos obrigatorios de máis do 80% dos concellos de menos de 20.000 da provincia xestiónanse a través deste servizo da Deputación.
Do mesmo xeito, 45 concellos teñen delegada no ORAL a recadación executiva.
Segundo destacou Carmela Silva o importe dos dereitos para xestionar ascendeu o pasado ano a 216.439.686 euros, unha cifra que supón un incremento do 9,80% respecto ao comezo do mandato no ano 2015.
A evolución da recadación, tanto no período voluntario como no executivo realizada polo ORAL, mostra un crecemento global nominal do 2,35%.
Ao finalizar o pasado ano, a recadación do cobro de valores xestionados por padrón, atendendo aos cargos que en dita data rematasen realmente o período voluntario de cobro, ascendeu a 85,39% do total, fronte ao 84,63% do ano 2015. Esta mesma recadación foi do 78,19% do total do "cargo líquido" posto cobro no exercicio.
A porcentaxe de cobros no período voluntario, derivado de padróns, pasou do 78,66% ao 78,19% dos cargos líquidos xestionados, incrementándose nese período en mais de 3 millóns de euros.
O Imposto sobre Bens Inmobles é a figura impositiva de maior relevancia en termos cuantitativos e, á súa vez, a que maior crecemento recadatorio supuxo no período voluntario. O incremento na recadación experimentado por este tributo foi de 5,8 millóns de euros desde ao ano 2015 ao 2018, cun incremento porcentual do 9,8%.
A Memoria do ORAL 2018 tamén aprecia que o incremento do número de valores domiciliados foi de 147.525 unidades no período 2015-2018, cun incremento de máis de 9 millóns de euros recadados de máis por esta forma de pago.
A Deputación de Pontevedra subscribiu no ano 2001 un convenio de colaboración coa Secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) mediante o cal leva a cabo labores de actualización e mantemento catastral dunha serie de concellos. Neste ámbito e durante ao pasado ano houbo 3.817 actuacións de alteración xurídica derivados de máis de 5.900 expedientes tramitados e unhas 2.729 actuacións de alteración físico/económica derivados de máis de 1.200 expedientes.
Ademais froito deses labores de comprobación no territorio os axentes catastrais do ORAL visitaron 172 inmobles.
Finalmente o ORAL realizou entregas a conta da recadación dos concellos. Foron 57,3 millóns en anticipos ordinarios e 2,6 millóns en anticipos a conta con carácter extraordinario.