Os mercados ambulantes da Xunqueira e Estribela buscan cubrir as súas vacantes
Por Alejandro Espiño
Ata 55 vacantes hai actualmente nos dous mercados ambulantes que se organizan no termo municipal de Pontevedra, os da Xunqueira e Estribela. O Concello tratará de alcanzar unha plena ocupación por parte dos feirantes cun novo proceso para adxudicar os postos que están dispoñibles.
Os técnicos municipais xa se atopan ultimando os pregos administrativos que rexerán este concurso. Para a súa aprobación tan só restan os informes de Intervención e da asesoría xurídica. Ademais, posteriormente abrirase un período de exposición pública.
O mercadillo da Xunqueira, que se instala todos os sábados do mes, ten capacidade para uns 78 postos, dos cales 45 están ocupados na actualidade. Das 33 vacantes, 25 serían para venda de produtos varios, catro para alimentación e outros catro para plantas.
En Estribela, pola súa banda, están habilitados 58 postos. Celébrase tradicionalmente os mércores e nestes momentos 34 están a ser explotados. Entre as 22 autorizacións que sairán a licitación hai 16 postos para venda de produtos varios e seis para alimentación.
As autorizacións adxudicaranse, segundo fontes municipais, en réxime de concorrencia ou licitación pública en forma de sorteo. Cada posto será adxudicado por un período dun ano, con posibilidade de prórroga por dez anos máis.
O Concello admitirá unha única solicitude por posto e aqueles vendedores ambulantes que xa teñan un na actualidade non poderán solicitar un novo a maiores.
A previsión que baralla o goberno municipal é que este proceso teña unha duración aproximada duns tres meses.