O acceso á igrexa e ás praias de San Vicente do Grove xa é unha "estrada 30"
Por Redacción
O Grove conta cunha nova "estrada 30" no seu territorio. Trátase da estrada provincial EP-9106, que dá acceso tanto á igrexa como ás praias de San Vicente do Grove. Na súa reforma investíronse 600.000 euros, dos que a Deputación achegou o 80%. Agora, será transferida ao Concello, que se encargará do seu mantemento.
Na súa inauguración, a presidenta Carmela Silva manifestou que esta actuación supón un antes e despois para a veciñanza da zona. "Isto parece o Manhattan do século XXI", subliñou. Indicou ademais que era "incomprensible" que a zona non tivera unha mellor atención por parte do anterior goberno provincial e que agora ten a "dignidade" que lle corresponde.
A reforma supuxo a transformación de máis de 10.000 metros cadrados dunha estrada que era unha "corredoira" antes da mellora, segundo o deputado Uxío Benitez. Agora conta cun novo itinerario peonil de 2,5 metros de ancho e case un quilómetro de lonxitude, se calmou o tráfico con redutores de velocidade e se creou unha gran praza que pon en valor o cruceiro e a igrexa.
A estrada terá a velocidade limitada a 30 quilómetros por hora e nela se saca espazo para os vehículos para crear zonas de convivencia peonil e ciclista, facendo que o itinerario sexa "apetecible" para este tipo de mobilidade.
O alcalde do Grove, José Cacabelos, agradeceu á Deputación a "sensibilidade" de ter asumido a mellora da estrada provincial de San Vicente como un proxecto "prioritario". Lembrou que a actuación foi historicamente unha reclamación da veciñanza da zona e destacou que o proxecto final é "innovador, moderno e actual" para unha zona do rural.
"É un proxecto arriscado que antes non se aplicaba pero o resultado fala por si mesmo", indicou, subliñando a diferencia entre o tratamento das zonas peonís, cunha senda de 2,5 metros de ancho, fronte ás beirarrúas de 50 centímetros que hai na estrada construída pola anterior Deputación que conecta co núcleo do Grove.
Cacabelos recoñeceu que o actual deseño provocou dúbidas inicialmente entre a veciñanza que tiña que facer cesións de terreos, pero asegurou que unha vez na execución da obra a incerteza tornou nunha "colaboración total" para mellorar a zona.