A alameda de Marín acollerá a primeiros do mes de xullo unha nova festa gastronómica
Por Redacción
Unha nova iniciativa gastronómica púxose en marcha en Marín: Festa Gastronómica do Mar - Mar Marín. Do 4 ao 7 de xullo, co apoio do goberno municipal, desenvolverase unha festa na alameda Rosalía de Castro na que se poderán degustar diferentes tipos de mariscos en distintas variedades. A carpa que se instalará na alameda da vila marinense ofrecerá todo tipo de produtos das rías galegas preparados de diferentes formas. Así, os que asistan a esta nova cita poderán probar empanadas de choco, bacallau, bonito, polbo e zamburiñas, ademais de polbo á feira e á prancha, lagostinos, cigalas, zamburiñas á prancha, mexillóns, berberechos, boi, nécoras, vieiras, arroz mariñeiro servido en cazola de barro, navallas, gambas ou chocos. Todo contará con viño albariño das Rías Baixas con prezos populares.
A degustación de produtos irá acompañada de diversas actividades no contorno da carpa.
Ademais, o 5 de xullo ás 22:30 horas no Multiusos da Praza de Abastos organizarase a cea oficial Mar Marín que contará cun menú de produtos mariñeiros como empanada de bacallau con pasas, croquetas de marisco, mexillóns á vinagreta, espeto de gamba en crocante de millo e follados recheos de cóctel de marisco. O prato principal será unha pescada á mariñeira. Todo acompañado de viños de Ribeiro e Mencía.
O custo por persoa para a cea é de 29 euros. Será necesario retirar un tícket e aboar a cea previamente nas oficinas de Viajes Calvitour, sita en Rúa Concepción Areal. O teléfono de información e reservas é o 660.990.309