Detido por roubar roupa e unha PS3 nunha vivenda de Pontevedra tras entrar pola xanela
Por Redacción
A Policía Nacional logrou esclarecer un roubo con forza rexistrado hai dúas semanas nunha vivenda de Pontevedra da que un ladrón levou diversas pezas de roupa e unha PlayStation 3 (PS3).
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, o roubo produciuse o día 5 de febreiro e o ladrón subtraeu un par de zapatillas, dúas cazadoras, unha bolsa con roupa, unha bolsa de deportes e unha PS3 tras acceder ao interior da vivenda por unha das xanelas.
Tras recibir a denuncia, os policías realizaron a correspondente inspección ocular e iniciaron as xestións para tratar de identificar o autor do roubo. Foi finalmente localizado este martes 19 de febreiro. Trátase dun veciño de Pontevedra de 39 anos con antecedentes policiais.
A Policía atribúelle un delito de roubo con forza no interior dunha vivenda e, tras tomarlle declaración en sede policial, puxérono a disposición do Xulgado de Garda.
Os axentes policiais recuperaron varios obxectos denunciados como subtraídos en poder do detido que lle foron entregados ao seu lexítimo propietario.