Detido por tocar os peitos a unha muller e lesionar un policía que mediaba nunha pelexa posterior
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra de 52 anos que presuntamente empuxou un axente que tentaba mediar nunha pelexa e causoulle unha fractura nun dedo. O enfrontamento empezara por unha acción anterior do arrestado que agora tamén investigan desde a Comisaría Provincial: tocoulle os peitos a unha clienta do bar no que traballaba.
Todo ocorreu sobre as 22.30 horas da noite do pasado venres 15 de febreiro. Segundo informaron fontes policiais, o agora detido exercía de camareiro nun local da rúa Cruz Vermella cando, segundo as testemuñas, tocoulle os peitos a unha muller. Xusto a continuación, iniciouse unha pelexa entre el, a súa vítima e un home que acompañaba á moza.
As testemuñas alertaron á Policía Nacional e unha patrulla trasladouse ao lugar. Á súa chegada, atoparon a tres persoas encerelladas nunha pelexa e os axentes trataron de separalos. Un deles, segundo o relato policial, mostraba unha actitude moi violenta, de modo que tentaron afastalo dos outros dous.
Nun momento dado, este home revolveuse e empuxou ao axente, que caeu ao chan e golpeouse contra a beirarrúa. A consecuencia da caída, quedou semiinconsciente e sufriu a fractura dun dos dedos da man, escordadura cervical e traumatismo cranial.
O resto de axentes conseguiron deter o responsable do empuxón, que estaba moi violento. De feito, tras introducilo no vehículo policial, comezou a golpear o biombo do mesmo. Durante o traslado á Comisaría no vehículo 'zeta', causou múltiples danos.
Os axentes detiveron ao presunto agresor por un delito de atentado a axente da autoridade e por outro de abuso sexual. Trátase dun veciño de Pontevedra con antecedentes policiais.