Volve o anticiclón ás Rías Baixas
Por Redacción
A previsión de MeteoGalicia sinala que logo do paso da fronte na xornada do domingo, durante o luns agárdase unha xornada de ceos alternando nubes e claros, con algún chuvasco ocasional, máis probable canto máis ó leste de Galicia. A cota de neve estará sobre os 1.100 metros. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente norte, frouxos en xeral.
O martes a nosa Comunidade estará baixo o predominio da influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse bancos de néboa matinais en zonas de interior, que darán paso a ceos con alternancia de nubes e claros, con menos nubes pola tarde, en xeral. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable.
Galicia continuará durante o mércores con predominio da influencia das altas presións, que están localizadas en Europa central. Con esta situación agárdanse ceos con nubes de tipo medio e alto, que en xeral non impedirán o paso do sol. Bancos de néboa matinais en zonas de interior. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas continuarán sen cambios. Ventos de compoñente sur, frouxos en xeral, moderados no litoral atlántico.