Arrestan un coñecido camelo que vendía haxix polos bares de Bueu
Por Redacción
A Garda Civil detivo esta fin de semana a un veciño de Bueu, A.G.B., de 50 anos, cando levaba consigo 15 landras de haxix e preto de 200 euros en efectivo. Acúsano dun presunto delito contra a saúde pública por dedicarse supostamente á distribución e venda de estupefacientes.
Os feitos ocorreron a madrugada deste sábado cando a patrulla de seguridade cidadá e o equipo de investigación da Compañía da Garda Civil de Pontevedra detectaron no centro urbano de Bueu un veciño da localidade sospeitoso de dedicarse á venda de estupefacientes nos bares e cafeterías frecuentadas por mozos consumidores.
Despois dun discreto seguimento polos establecementos que habitualmente visitaba, o dispositivo de vixilancia interceptouno nunha céntrica rúa de Bueu cando se desprazaba no seu vehículo. No rexistro persoal ao que foi sometido, incautáronselle 15 landras de haxix no peto interior da cazadora, que arroxan un peso de 158 gramos, ademais de 198 euros en efectivo.
O detido, un coñecido camelo cun amplo historial de antecedentes por este tipo de delitos, foi posto onte a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Marín, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.