A Xunta pedirá a Ence que lle remita un informe sobre o futuro Plan de Emerxencias Interior da factoría
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu este martes ao director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, así como ao xefe de seguridade da planta pasteira, Francesc Casanovas, para analizar a inquietude do comité de empresa en relación á afección que a regulación de emprego podería causar na seguridade interna da fábrica. Na reunión estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.
Cores Tourís trasladou a Antonio Casal as demandas esgrimidas recentemente polo comité de empresa de Ence na reunión que mantiveron co xefe territorial de Economía e Industria. "Mantivemos unha reunión cos sindicatos na que mostraron a súa preocupación polo posible impacto que podería ter na seguridade das instalacións da fábrica o ERE que vai a poñer en marcha a empresa", explicou Ignacio Rial.
Ante a preocupación dos traballadores, a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra pedirá a dirección de Ence que lle remita un informe sobre o futuro Plan de Emerxencias Interior da factoría. "Non podemos esquecer que será finalmente a administración autonómica quen aprobe ese plan, polo que queremos ter toda a información posible sobre a situación da fábrica", engadiu José Manuel Cores Tourís.
Deste xeito, a empresa comprometeuse ante o delegado territorial da Xunta a dar resposta as inquedanzas tanto da administración autonómica como dos responsables do comité de empresa a través do seu Plan de Emerxencias Interior.
Os responsables da pasteira destacaron o compromiso da firma coa seguridade e co medio ambiente. "Ence analiza dende a perspectiva da seguridade cada unha das súas operacións. E as medidas relacionadas relacionadas co plan de competitividade foron estudadas por organismos de control externos", asegurou Antonio Casal. "Ademais, contamos con persoal técnico moi competente que garante a total seguridade do Centro de Operacións de Lourizán. En Ence non se toman medidas aleatorias".