A Deputación cede ao Concello do Grove unha parcela para construír o centro de maiores
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este martes co alcalde do Grove, José Cacabelos, un convenio polo cal a institución provincial cede un terreo de 162 metros cadrados, no lugar de Reboredo, para que a vila do Salnés poida construír un centro social para as persoas maiores do municipio.
Tras o acto de sinatura, Silva detallou que "o terreo cedido formaba parte do dominio público viario da Deputación de Pontevedra pero na actualidade non prestaba servizo algún ao viario nin aos seus elementos funcionais. O concello pediunos o terreo para construír un centro para as persoas maiores do Grove e estamos encantadas en que así sexa".
Sobre o proxecto, José Cacabelos explicou que "o terreo era de titularidade privada, duns veciños que fai un tempo viñeron ao Concello para dicirnos que compartían a política social que estábamos levando a cabo no rural e que se nos comprometíamos a realizar este proxecto eles cederíannos gratuitamente o terreo. Esa parcela fóra expropiada innecesariamente polo anterior goberno da Deputación e hoxe, por sorte, grazas a esta nova Deputación, consciente e sensible co proxecto, faremos realidade unha necesidade e unha demanda dos nosos veciños e veciñas".
A cesión prodúcese despois de que o Pleno da Deputación de Pontevedra, na súa sesión ordinaria do día 30 de novembro de 2018, aprobara inicialmente a desafectación do servizo público do terreo e a cesión gratuíta ao concello do Grove para destinala á construción do centro social. O acto de sinatura chega unha vez rematado o prazo de exposición pública, que finalizou sen alegacións nin reclamacións.