O concello colaborará cos veciños da Insua na celebración da festa do neno e a limpeza dunha presa
Por Redacción
O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu a unha delegación vecinal da parroquia da Insua coa que repasou diferentes temas de interese para os residentes na zona. Froito do encontro, o rexedor municipal comprometeuse a colaborar na tradicional celebración da Festa do Neno, que terá lugar o vindeiro sábado 8 de xuño no lugar de Carreira Ancha.
Así, operarios municipais procederán nos próximos días a realizar labores de limpeza e acondicionamiento do lugar de Carreira Ancha co fin de poder acoller en condicións a celebración deste evento parroquial.
Por outra banda, o Alcalde comprometeuse a colaborar con aporte de material e maquinaria nos traballos de mellora e reparación da canalización dunha antiga presa existente na parte posterior do Centro Cultural da Insua, obras que serán acometidas con colaboración veciñal.
A mala situación na que se atopa a vella canalización provoca enormes perdas de auga que xeran problemas na contorna pola que discorre. Así mesmo, Perfecto Rodríguez aproveitou o encontro cos representantes veciñais para confirmarlles que o Concello instalará un parque biosaludable que será situado na zona de Carreira Ancha, tal e como aprobaron os veciños desta parroquia nunha recente asemblea celebrada para tratar, entre outros temas, o da colocación destes aparellos de ximnasia de mantemento.
Finalmente, Perfecto Rodríguez accedeu á petición da comisión vecinal de que o Concello colabore na adquisición dun televisor para favorecer o equipamiento e dotación do Centro Cultural da Insua, lugar de encontro e reunión parroquial.