Vaipolorío visita ás brañas do río Tomeza no día da Candeloria
Por Oskar Viéitez
Este sábado 2 de febreiro é o Día Mundial dos Humedais, que se celebra desde 1997 en conmemoración da sinatura do convenio Ramsar, que foi asinado na cidade iraní do mesmo nome no ano 1971 para preservar e dar a coñecer a importancia destes espazos naturais.
Con tal ocasión Vaipolorío organizou unha visita guiada ás brañas do río Tomeza. O colectivo ecoloxista lembrou que é ademáis o día da Candeloria, que segundo a tradición é cando casan os paxariños.
Amancio Castro de Vaipolorío foi o encargado de amosar a riqueza biolóxica deste espazo insistindo en que os humedais son de grande importancia ecolóxica. "Neles crece moito do plancton que vai dar aos bancos marisqueiros das rías", indicou.
O río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos, conta con dous humedais chamados de terreo baixo, como di Calros Solla: boedos, chaguazos ou chagorzas. Unha está en Bértola, chamado A Fonteiriña (tramo río Toxal ) e outro nas Brañas en Salcedo (tramo río Tomeza).
De sempre a humanidade foi dada a demonizar estes espazos, ben por precaución ou descoñecemento. Os gregos falan das aves da lagoa de Estínfalo ou a Hidra de Lerna nos traballos de Heracles. Fan unha glosa épica do heroe, non así dos humedais. Nosa mitoloxía fala das pozas das mouras. Na particular Poza da Moura do Gafos tamén existe unha interesante lenda.