Sete meses de cárcere por conducir sen carné, sen seguro e bébedo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51abbc7996865-fotocamion.jpg)
CC BY-NC-SA Policía Local de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51ac3700a4831-img-20130601-wa0006.jpg)
CC BY-NC-SA Policía Local de Pontevedra
A Policía Local de Pontevedra localizou o pasado 22 de maio na rúa Fernández Ladreda a un camión tráiler que circulaba pola zona urbana sen a autorización necesaria dado o seu peso. O que podía supoñer unha multa leve converteuse non obstante nunha sucesión de infraccións unha vez conseguiron dar o alto ao vehículo.
Os axentes, que comprobaron dende o primeiro momento como se estaba a realizar unha condución irregular, con movementos bruscos e tiróns, que segundo o realto policial "supoñían un grave risco para os demais condutores", fixáronse tamén no aspecto deteriorado do vehículo, comprobando que unha das rodas do semi-remolque estaba en moi mal estado.
Finalmente tras dar o alto ao tráiler, que transportaba material de atraccións de feira, a patrulla da Policía Local comprobou que o condutor presentaba "claros síntomas de conducir baixo os efectos do alcol", polo que se lle intentou realizar a proba de alcolemia á que este se negou.
Unha vez denunciado xa por este aspecto, os axentes municipais requiriron os papeis do camión, comprobando que o vehículo estaba de baixa temporal, sen seguro e sen pasar a ITV, ao igual que o semi-remolque, e que o condutor tiña unha suspensión xudicial en vigor do permiso de circulación.
Por todos estes feito a Policía Local procedeu á imputación dun delito contra a seguridade do tráfico comisando á súa vez a cabeza tractora do camión e o semi-remolque.
Todas estas infraccións desembocaron finalmente nunha condena de sete meses de prisión e a suspensión do permiso de circulación por 36 meses despois do xuízo rápido celebrado o pasado 31 de maio no Xulgado de Instrución nº3 de Pontevedra, ademais de supoñer o comiso do camión.
Para pechar a historia, segundo informa a Policía Local de Pontevedra, a persoa detida contaba con numerosos antecedentes por delitos contra a seguridade vial, polo que o seu ingreso en prisión foi inmediato.