Deteñen un home de 35 anos que roubou un móbil de 1.000 euros a unha moza na Alameda
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un mozo de 35 anos foi detido pola Policía Nacional en Pontevedra tras roubar un móbil valorado nuns 1.000 euros a unha persoa que paseaba pola rúa.
Os feitos, segundo informa a comisaría provincial, producíronse sobre as 22.30 horas do pasado mércores 23 de xaneiro na zona da Alameda.
Unha moza que camiñaba mentres falaba por teléfono notou como alguén lle subtraía o teléfono móbil por detrás e saía fuxindo á carreira en dirección á avenida Raíña Vitoria.
A vítima pediu axuda a berros e saíu correndo tras el e ao chegar á altura do hotel Dabarca foi auxiliada por un home que retivo ao presunto autor da subtracción.
Os axentes, tras recibir o aviso, dirixíronse a toda velocidade ao lugar e atopáronse xa co autor do furto do teléfono retido e puideron devolver o teléfono á súa propietaria.
A Policía detivo o autor da subtracción por un delito de furto e trasladárono a dependencias policiais, onde a vítima presentou denuncia contra el.