As parroquias pontevedresas organizan unha conferencia de Paco Vázquez
Por Oskar Viéitez
As parroquias do Arciprestazgo do Lérez celebran a partir do luns a XIX Semana da Familia que inclúe, entre outros actos, unha conferencia do ex alcalde socialista da Coruña, Paco Vázquez.
Será o xoves 24 de xaneiro no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra ás 20:30 horas e falará da familia e a vida pública. Abordará esta temática desde a súa experiencia profesional.
Entre outras responsabilidades públicas, Francisco Vázquez foi no 2006 nomeado embaixador de España no Vaticano, cargo que exerceu ata o 2011.
Tamén está programada para o mércores 23 xaneiro, no mesmo recinto e á mesma hora, unha conferencia de Pilar Méndez que é a coordinadora provincial de Cruz Vermella de Pontevedra e que falará do proxecto de acollemento familiar que leva a cabo esta institución humanitaria en colaboración coa Xunta de Galicia.
As actividades son abertas ao público e a entrada ás conferencias é libre e gratuíta.