Lalín inicia no Mercado de Pontevedra a xira de presentación por toda Galicia da Feira do Cocido
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello de Lalín promocionou este venres no Mercado de Abastos de Pontevedra a 51ª edición Feira do Cocido.
O alcalde de Lalín, Rafa Cuiña, acompañado do concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e da concelleira de promoción económica da cidade de Pontevedra, Anabel Gulías, realizou unha presentación da feira, acompañada de cociña en directo por parte do cociñeiro Alberto González, do restaurante Casa Currás, e de degustacións gratuítas de tapas baseadas no cocido e nos produtos de Lalín.
Este ano son 25 os negocios participantes no Mes do Cocido, todos eles suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín, con prezos que oscilan entre os 20 e os 45 euros, e unha capacidade para atender a máis de 3.500 comensais diarios.
Francisco Vilariño explicou que o prato rei da gastronomía galega, é unha "tarxeta de identidade" de Lalín que "nos sitúa no mundo" e co que aspiran a que a Feira do Cocido consiga a declaración de Interese Turístico Internacional, incorporándose a un exclusivo grupo do que só forman parte dez celebracións en toda a Comunidade galega.
O concelleiro de Turismo sinalou que as perspectivas para este período "son moi positivas" e aspiran a superar o record rexistrado o pasado ano durante o Mes do Cocido.
Despois de Pontevedra o programa de presentacións desta "xira culinaria" polos diferentes mercados de Galicia, segundo definiuna Rafa Cuiña, continuará en Vilagarcía (o día 26), A Coruña (Mercado de San Agustín, 2 de febreiro), (Vigo, 5 de febreiro), Lugo (9 de febreiro) e Santiago de Compostela (16 de febreiro).