Convocan mobilizacións no sector de panaderías de Pontevedra ante a falta de convenio
Por Redacción
Un novo sector da alimentación está en pé de guerra contra a patronal. Desta volta trátase das panaderías, confiterías, pastelerías e establecementos de repostería da provincia de Pontevedra. Os sindicatos CIG, CC.OO e UGT convocarán mobilizacións ante o bloqueo na negociación do novo convenio colectivo. O calendario de protesta concretarase nunha asemblea que se celebrará o próximo martes 4 de xuño en Vigo.
Dende as centrais explican que despois de varias xuntanzas da mesa negociadora a postura da patronal "foi sempre a falta de vontade para acadar un acordo e demorar a negociación para que o sector se quede sen convenio", co obxectivo de chegar ao mes de xullo sen acordo e aplicar a reforma laboral.
Neste senso, lembran que para que se constituíra a mesa negociadora foi necesario recorrer á mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. Sinalan ademais que o convenio anterior vencía o pasado 31 de decembro do 2011, e que o motivo da demora na negociación dun novo "foi a negativa da patronal a sentarse".
Segundo indican, a patronal pretende conxelar os salarios, eliminar o 100% no caso de baixa por enfermidade ou obrigar a traballar os domingos e festivos co mesmo salario que un día normal. Censuran tamén que a patronal pretende que o convenio, que afecta a máis de 10.000 traballadores en toda a provincia, quede derrogado e os empregados cobren polo Estatuto do Traballador, o que suporá un 30% menos de salario e a perda dos dereitos conquistados nos últimos 30 anos.