Dende "Pezqueñines ¡No gracias!" ata "Todos contra el fuego"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acollerá no Pazo provincial, dende este martes e ata o vindeiro 31 de xaneiro, unha exposición impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que percorre as súas campañas publicitarias e institucionais máis representativas dos últimos 40 anos de democracia.
A mostra, que xurdiu con motivo do 40º aniversario da Constitución española, consta de 30 paneis que teñen por obxectivo reflectir como foron evolucionando as distintas políticas agrícolas, pesqueiras, forestais e alimentarias dende o 1978 ata o 2018.
Ao longo da trintena de paneis que compoñen a mostra farase un repaso por aquelas campañas que quedaron retidas no imaxinario colectivo como, por exemplo, "Pezqueñines ¡No gracias!", sobre a necesidade de evitar o consumo de pescado que non supera as tallas mínimas requiridas.
Así mesmo, hai outras campañas como "Todos contra el fuego", que buscaban concienciar sobre a prevención dos incendios que arrasan os montes.
Aínda que estas son as campañas máis destacadas, hai moitas outras que compoñen a mostra. O percorrido segue unha orde cronolóxica que permitirá facer un repaso polos fitos da historia máis recente de España. Entre eles, a integración do país na Unión Europea, a aportación das mulleres ou o papel protagonista do público, que fixeron posible a transformación, a modernización, a innovación e o progreso da nosa sociedade.