Vilagarcía acollerá un mercado de troco o primeiro domingo de cada mes
Por Redacción
A Praza da Peixería de Vilagarcía acollerá o primeiro domingo de cada mes un mercado de troco no que poderán participar os particulares e entidades benéficas e sen ánimo de lucro que o desexen. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Loita Contra o Paro co obxectivo de ofrecer alternativas que poidan axudar a quen o precise a superar as consecuencias da crise en maior ou menor medida.
Este mercado de troco, co que o Concello colabora poñendo a disposición as instalacións municipais e difundindo o evento, celebrarase por primeira vez con este formato este domingo 2 de xuño. As persoas e colectivos interesados en desprenderse de obxectos ou produtos de todo tipo intercambiándoos por outros que precisen poden facelo na Praza da Peixería entre as once da mañá e as tres da tarde dese día.
O mercadiño está aberto a todo tipo de obxectos que se poidan ter na casa e que non se usen, así como a diversos produtos ou excedentes da horta. Os asistentes poderán intercambiar os seus produtos cos que leven outras persoas.
A Asociación de Loita Contra o Paro xa organizou outras edicións do mercado de troco con anterioridade á prevista para o domingo. A iniciativa tivo unha boa acollida, por iso decidiron consolidala e facela periodicamente unha vez ao mes. Nas últimas edicións tamén concorreron á cita asociacións como Con Eles e Amencer.
A organización considera que este tipo de iniciativas serven para poñer á xente e aos colectivos en contacto a efectos de buscar liñas de colaboración entre eles que lles axuden a superar as dificultades económicas xeradas pola prolongada situación de crise.