Poio espera reunir a máis de 3.000 persoas na VIII Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva
Por Redacción
A tradicional Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva que celebra anualmente o Concello de Poio chega á súa oitava edición. Será os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño na Reiboa (San Xoan de Poio). Trátase do evento lúdico central da actividade anual da Escola de Música Tradicional de Poio, realizado coa colaboración da Concellaría de Cultura.
Neste evento poderase gozar da boa música tradicional durante todo estes tres días grazas á presenza das bandas: Grupo Airiños da Fracha, Barqueiro (Mañón), Barbude (A Estrada) e como non, os grupos da Escola de Música Tradicional de Poio. Tamén terá lugar a opción de micros abertos para todo o que queira amenizar a xornada coas súas interpretacións.
Por outra parte, a Romaría contará con postos gastronómicos de churrasco, empanada, polbo, arroces, bebidas... a prezos moi populares, e tamén de artesanía e oficios tradicionais e animación infantil de maxia cos "Magos do Ribeiro" que actuarán durante os dous días do evento, ao igual que o dúo musical Guilherme e Bastardo.
Na noite do venres e o sábado, o escenario acollerá tamén propostas de música pop rock. O venres será o concerto de La Franja e Nirvana Cover e o sábado noite será a quenda da actuación de Ban-D-versions.
Non hai que esquecer que o lugar de celebración, A Reiboa, está nun entorno natural privilexiado, ao carón da costa con moitos atractivos como o roteiro dos muíños da Freixa, o que contribúe a facer máis agradable esta xuntanza.
A concelleira de Cultura, Silvia Díaz, destacou no acto de presentación a labor sociocultural que realiza a Escola desde a súa fundación, tanto na docencia de música e danza tradicional como na recuperación doutros aspectos culturais como os xogos tradicionais, os magostos e as muíñadas.
A Escola, que este ano chega ao seu décimo aniversario, ademais da actividade docente continuada de instrumentos tradicionais, baile e cantareiras, leva a cabo ao longo do ano diversas actividades encamiñadas a recuperar, conservar e manter vivas a nosa música e as nosas tradicións, como magostos, xogos populares ou muiñadas, que contan coa participación de persoas de todas as xeracións, desde os máis cativos ata os maiores.
En edicións anteriores, foron máis de 3.000 os veciños e visitantes que se achegaron a xantar ou cear, e máis dun centenar de músicos os que actuaron na Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva.