Rueda, sobre se optará á Deputación: "Seguirei como vicepresidente da Xunta mentres teña a confianza de Feijóo"
O PP presentará en febreiro a todos os seus candidatos ás eleccións municipais. Así o sinalou o presidente dos populares de Pontevedra, Alfonso Rueda. O traballo está "moi avanzado" a falta de designar os alcaldables en "tres ou catro" municipios. Menos claro, polo menos sobre o papel, é o nome da persoa que optará a presidir a Deputación.
O propio Rueda, cara o que se dirixen as miradas no caso de que o PP recupere o control da institución provincial, non quixo desvelar as súas intencións. Sen descartalo por completo, sinalou seguirá como vicepresidente da Xunta "mentres teña a confianza de Feijóo". Díxoo nun almorzo informativo celebrado en Pontevedra.
O dirixente popular recoñeceu que un dos grandes obxectivos do partido é "recuperar" o goberno da Deputación e para iso espera lograr un "bo resultado" en toda a provincia. A este respecto, ve boas perspectivas nos partidos xudiciais de Pontevedra, Vigo e o Baixo Miño, entre outros, polo "magnífico traballo" realizado polo PP.
A partir de aí, engadiu, dependerá de todo o partido elixir por consenso á persoa que poida presidir o goberno provincial. "Vou tentar que todos os compañeiros teñan un bo resultado e despois xa veremos", dixo.
"Saímos a depender de nós mesmos", sinalou o presidente do PP pontevedrés con respecto á próxima cita coas urnas, que celebrou o proceso de renovación que lle permitiu contar con "caras novas" en toda a provincia e reforzar "aínda máis" aos alcaldes e candidatos que hai catro anos obtiveron un bo resultado electoral.
Acompañado do candidato en Pontevedra, Rafa Domínguez, Rueda sinalou que precisamente na capital "o acerto foi pleno". O PP conta agora, destacou, cun candidato que "defende" o emprego, o transporte urbano e as parroquias do rural, apostando por estender o modelo urbano a todo o municipio.
Con esta perspectiva, o dirixente do PP vaticinou que os populares crecerán "o suficiente para poder gobernar". Asegurou que "son optimista e o salto pode ser importante".
Domínguez, pola súa banda, fixo un repaso do compromiso que fixo na súa presentación oficial, prometendo "ilusión, diálogo y Pontevedra". Así, explicou que "lo que está bien hay que mantenerlo y mejorarlo", para o que puxo o centenar de encontros que mantivo estes meses con veciños, colectivos e afiliados.
Todos eles coinciden, segundo o candidato popular, que economicamente Pontevedra "no funciona" e que a cidade "no acaba de arrancar".
Relacionadas:
-
Lores insiste en que debe ser a Xunta quen contemple a creación de aparcadoiros en superficie para Montecelo
Por Redacción |
-
O PP provincial prepárase de cara a vindeira cita coas urnas
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez vaticina a "remontada" do PP fronte a un Lores "agotado"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |