O Goberno local regala un lote de libros aos nenos da Galiña Azul
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os nenos da Escola Infantil de Ponte Caldelas, integrada na rede da Galiña Azul, dispoñen dende este martes dun novo lote de libros infantís que foi doado polo Concello. A entrega estivo a cargo do Goberno local, que hoxe aproveitou para facer unha nova visita a esta instalación.
O equipo de goberno mantén este costume dende comezo do mandato. A entrega foi realizada polo alcalde, Andrés Díaz e a concelleira e representante no Consello Escolar, Pilar Couto.
O lote está composto polos títulos Que tal estás? (Kalandraka), Chibos Chibóns (Kalandraka), Un, dous, tres que ves? (Kalandraka), Gata Kata y Pico Pi (Kokinos Editorial), De la cabeza a los Pies (Kokinos Editorial), O mundo nos ollos (Oqo), O meu aniversario (Oqo), Que mal cheira! (Oqo), Chega un avión (Oqo), Caracol e Caracola (Oqo), Caracol e Vermiño (Oqo), Amigos (Juventud), El Carnaval de los animales (Juventud), ¿Una rana? (Edelvives), ¿Un ratón? (Edelvives), Xaime e as landras (Kalandraka) e, finalmente, Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis (Kalandraka).
O Concello adoptou o costume de facer un agasallo anual á Escola Infantil e inclúe sempre libros, ao obxecto de renovar as existencias do centro, que ten entre os seus plans poñer en marcha a súa propia biblioteca de préstamo. Este ano tamén se agasallou ao centro cun aparello para quencer os biberóns, atendendo así ás suxestións do profesorado.
A Escola Infantil de Ponte Caldelas ten cuberta a totalidade da súa matrícula, polo que acolle a un total de 32 nenos de 0 a 3 anos, segundo os datos de matrícula feitos públicos polo Consorcio Galego para a Igualdade e o Benestar. Ademais, nestes intres conta xa cunha lista de agarda doutras dúas persoas.
O Goberno local caldelán destaca a súa aposta constante pola gardería e lembra que realiza labores anuais de mantemento das súas instalacións, incluíndo o pintado integral así como todas as reparacións necesarias.