Ultiman o plan de obras para a reforma das piscinas de Campolongo
Por Redacción
O proxecto de reforma do complexo deportivo de Campolongo camiña con paso firme e esta semana producirase un novo avance cunha reunión de traballo entre o Concello de Pontevedra e a empresa adxudicataria, Serviocio- Be One.
A reunión está prevista para este venres 4 de xaneiro e prevese que servirá para ultimar o plan de obras. O contrato para a reforma asinado o pasado mes de setembro establecía que a empresa adxudicataria debería elaborar o proxecto definitivo e, unha vez finalizado, sentarán ambas as partes para establecer o calendario dos traballos.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, deu a coñecer este mércores que o Concello xa recibiu ese proxecto e convocouse a citada reunión coa idea de falar das datas de inicio das obras. A proposta municipal é que o groso dos traballos realízanse durante o verán, de modo que deberían empezar uns meses antes para poder estar terminados para a nova tempada e é necesario planificalo "con suficiente antelación".
As obras teñen un prazo de execución de seis meses, de maneira que a previsión é que as obras poidan iniciarse en abril e terminen a finais de setembro. Nesa reunión establecerase a data exacta dunha actuación cuxo resultado será a rehabilitación case integral das piscinas municipais.
O proxecto supoñerá que o centro deportivo de Campolongo, onde se sitúan as piscinas, vai cambiar de aspecto exterior e interior e que creza o espazo deportivo. Pasará de 3.800 a 5.700 metros cadrados e aumentará o número de salas de actividades, de 4 a 9.
O proxecto inclúe unha reforma total das instalacións, xa que o único que permanecerá será a lámina de auga. Abrirase a planta baixa e a zona de recepción do edificio cara ao paseo que está á beira da igrexa de San José e incorporará unha segunda planta que, na súa superficie, contará con pistas polideportivas.
A empresa, que pagará un canon anual de 60.000 euros ao Concello, anunciou que ofrecerá un maior número de actividades deportivas e incorporará novos servizos de ludoteca ou expertos en nutrición na área de fisioterapia. Manterase a cafetería, aínda que se reformulará a súa oferta ao público.
O novo contrato, que inclúe unha redución do 2,5% no prezo das tarifas e a ampliación dos horarios de apertura ao público, entrará en vigor o día no que se estreen as novas instalacións. Os postos de traballo actuais, un total de 42, aumentarán.
Relacionadas:
-
A demolición das piscinas de Campolongo comezará o próximo luns
Por Redacción |
-
O novo centro deportivo de Campolongo está xerando "moita expectación"
Por Alejandro Espiño |
-
As novas piscinas de Campolongo abrirán ao público o 1 de outubro tras 6 meses de reforma
Por Redacción |
-
Pontevedra, ante o maior volume de obras da súa historia
Por Alejandro Espiño |
-
Así será o futuro complexo deportivo de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
As piscinas de Campolongo pecharán o "menor tempo posible" para a súa reforma
Por Alejandro Espiño |
-
O novo contrato das piscinas de Campolongo, sen trabas administrativas
Por Alejandro Espiño |