CC.OO. compara o goberno de Telmo Martín cos Emiratos Árabes por facer megaproxectos "con curritos que viven na miseria"
Por Anxo Lourido
José Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, acompañado de traballadores do Concello de Sanxenxo denunciaba este xoves a situación laboral que se está a vivir nesta administración.
O representante sindical denuncia que este organismo local conta con numerosas irregularidades retributivas, unha situación derivada da falta de Relación de Postos de Traballo (RPT), que permite establecer os salarios atendendo ás funcións que desenvolve cada traballo, de maneira obxectiva.
Ante esta situación, García Pedrosa anunciou que acudirán aos Xulgados para presentar unha demanda que obrigue o goberno local que lidera Telmo Martín a ordenar a situación laboral a través dunha RPT. Desde Comisións Obreiras sinalan que os traballadores non cobran o complemento específico malia estar recollido na Lei Xeral de Administracións Públicas e indican que técnicos do grupo A non chegan a cobrar 1.200 euros mensuais.
Comisións Obreiras presentou alegacións ao orzamento do Concello que foron rexeitadas polo alcalde, sen sometelas a pleno, alegando que non están suxeitas ao establecido pola Lei das Facendas Locais, unha afirmación que García Pedrosa define como falsa.
Por este motivo, o sindicato xa presentou sete demandas tanto no xulgado do Social como no contencioso administrativo para defender diversos dereitos dos máis de 230 traballadores municipais e anuncia a presentación dunha demanda no contencioso administrativo sobre a aprobación dos orzamentos.
García Pedrosa comparou a política que realiza o goberno de Telmo Martín cos Emiratos Árabes afirmando que se presentan megaproxectos mentres que "os curritos viven na miseria". E asegurou que ante a falta de diálogo non van "a tolerar este atropelo".