A Xunta programa para 2019 a derriba do antigo club de alterne Ciros
Por Redacción
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta sacou a licitación a derriba do antigo club de alterne Ciros, situado ao pé da estrada N-550 na parroquia de Paredes, en Vilaboa. A previsión é que estes traballos comecen a principios de 2019.
A derriba fora ordenada no ano 2005, unha orde que foi recorrida e, despois de moitas voltas, ratificada en novembro de 2014 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Desde hai varios anos o edificio permanece abandonado.
Agora a APLU licita esta derriba cun orzamento de saída de 298.318 euros.
Os propietarios do inmoble chegaron a ofrecerllo ao Concello de Vilaboa para que fose destinado a residencia para maiores. Pero o expediente urbanístico é claro para ese efecto xa que declara "ilegais e ilegalizables" as obras de construción do edificio ao ser realizadas "sen a preceptiva autorización autonómica e licenza urbanística municipal".