Deteñen os presuntos autores do secuestro dun mozo na zona da Lanzada
Por Redacción
Axentes da Garda Civil detiñan nas últimas horas os presuntos autores do secuestro dun veciño de Sanxenxo en 2017 na zona da Lanzada. O mozo secuestrado fora posto en liberdade despois de que a súa familia tivera que pagar un rescate de 4.000 euros.
Segundo informa a Garda Civil, un dos presuntos autores atópase xa en prisión por outros feitos mentres que os outros tres presuntos autores foron detidos e postos en liberdade coa obriga de personarse periodicamente nos xulgados.
O suceso producírase no verán de 2017 cando, ao redor das 22.30 horas, un mozo, veciño do municipio de Sanxenxo, atopábase realizando deporte nos arredores da praia da Lanzada. No momento en que se achegaba ao aparcadoiro para recoller o seu vehículo foi abordado por uns encarapuchados.
A vítima denunciu no Posto da Garda Civil de Sanxenxo que lle golpearan a cabeza cunha arma curta e o mantiveron retido no interior do coche. Os secuestradores ordenáronlle que non erguera a cabeza e que lles entregara o teléfono móbil e a carteira.
Tras intimidalo e golpealo, quitáronlle 240 euros e coa tarxeta de crédito realizaron retiradas en efectivo en varios caixeiros automáticos de entidades bancarias de Sanxenxo. Ao comprobar que o mozo contaba con limitacións de retirada de efectivo nos caixeiros, os integrantes do grupo de secuestradores obrigaron á vitima a chamar os seus familiares máis próximos para pedirlles a entrega de 4.000 euros en metálico, que deberían entregar nun establecemento público da vila turística.
A familia realizou o pago e o mozo foi liberado nese mesmo establecemento de Sanxenxo. Levaron o seu móbil e amazárono para que non denunciara os feitos se non quería que voltaran a por el.
A Garda Civil iniciou as investigacións e este mes de novembro desarticulaba un grupo criminal dedicado ao roubo de gasóleo en obras e empresas de transportes da provincia. No transcurso desta operación denominada Caldox, os axentes detectaron que os catro autores materiais dos roubos que foron detidos estiveran planificando un secuestro no Porriño co mesmo modus operandi que o do caso da Lanzada.
O Equipo de Patrimonio da Unidade Orgáncia da Policía Xudicial de Pontevedra abre desde ese momento unha nova liña de investigación dentro da operación 'Botelo', que rematou coa identificación dos catro presuntos autores do secuestro consumado na Lanzada. Un deles, veciño de Vigo está en prisión con motivo da operación 'Caldox'. Os outros tres foron detidos esta mesma semana. Dous residen no Grove e o terceiro é veciño de Sanxenxo.
O caso está a levalo o Xulgado de Instrucción número 2 de Cambados, que decretou a liberdade dos detidos coa obriga de acudir periodicamente aos xulgados.