![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51a601de7f8a2-cadenasrobadas_polinacional.jpg)
CC BY-NC-SA Policía Nacional de Pontevedra
Detido un menor que foi a unha xoiaría para comprar unha cadea á súa moza e roubou tres
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un veciño de Vilagarcía de Arousa menor de idade como presunto autor dun delito de furto por levarse tres cadeas de ouro dunha xoiaría á que acudiu preguntando por un regalo para a súa moza.
Segundo informou a Policía Nacional, os feitos remóntanse ao 2 de marzo. A encargada dunha xoiaría de Pontevedra denunciou na Comisaría que lle roubaran tres cadeas de ouro valoradas en 527 euros.
A denunciante explicou que ese día un menor se presentara na xoiaría preguntando por varias cadeas para supostamente facerlle un regalo á súa moza. Unha vez elixidas tres cadeas solicitoulle á encargada que se llas reservase.
Horas máis tarde volveu á tenda e cando llas mostraron novamente e as tiña na man, saíu fuxindo do local. Os investigadores identificaron como presunto autor a un menor natural de Romanía aínda que residente en Vilagarcía de Arousa.
O 23 de maio foi detido pola Policía Nacional e posteriormente quedou en liberdade coa obriga de comparecer ante a Fiscalía cando sexa requirido. Dúas das tres cadeas foron recuperadas.