CIG alerta do posible peche de dúas escolas unitarias en Vilagarcia
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa poderá ter o vindeiro curso dous centros escolares menos. O sindicato CIG denuncia que a Consellería de Educación "nestes días vén de comunicar a intención de suprimir dúas escolas de Educación Infantil" en Vilagarcía, en concreto, as escolas de Educación Infantil de Pedroso en Bamio e a de Solobeira".
Ao respecto, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, asegurou que a decisión sobre o peche destas escolas unitarias aínda non está tomada, á espera de que finalice o prazo de matriculación para o próximo curso académico. Será entón cando, tras analizar o número de alumnos inscritos nos dous centros, se determine o seu futuro.
A CIG interpreta esta actuación como unha sinal de que Educación "intensifica os seus ataques ao ensino público como servizo básico" e indica que as dúas escolas afectadas manteñen para o vindeiro curso 2014-2015 unha previsión de alumnado coa que ata agora a Consellería de Educación mantiña abertas ese tipo de escolas.
Ademais da redución que supón de prazas no ensino público e do trastorno para os pais dese alumnado en caso de levarse a cabo, o sindicato indica que con esa supresión "estaríase dicriminando" aos nenos desas dúas parroquias de Vilagarcía fronte a algún outro concello da comarca no que co mesmo número de previsión de matrícula a consellería manterá aberta algunha escola de Infantil.
O sindicato opina que "estaríase discrimando" aos nenos das parroquias de Bamio e Solobeira
CIG-Ensino chama aos pais a "defender o dereito dos seus fillos" a contar cun ensino público de calidade "pois nel vainos o futuro" e anuncia que levará este tema á vindeira reunión da Xunta de Persoal co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
Neste encontro, manifestaranlle a súa rotunda oposición por considerar que sempre que haxa alumnado suficiente deben manterse abertas este tipo de escolas que son as que permiten aos nenos unha escolarización máis próxima ao seu contorno familiar.
Opina, ademais, que estas pequenas escolas teñen unha función social fundamental ao contribuir á fixación de poboación no rural e nas parroquias, o cal "favorece unha maior calidade de vida".