Deteñen un veciño de Ponte Caldelas por roubar maquinaria municipal mentres facía traballos sociais
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Ponte Caldelas e mantén en calidade de investigados á súa ex muller e ao seu fillo, ambos os dous veciños da Lama, pola súa presunta relación co roubo de maquinaria nunha nave dos servizos municipais do Concello de Ponte Caldelas.
Segundo a denuncia presentada polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, no posto da Garda Civil da localidade o pasado 5 de decembro, foron subtraídas sete rozadoras e dúas pértegas de podar do interior da nave de xardinería anexa ao polideportivo municipal de Chan da Barcia.
Os investigadores da Garda Civil concluíron que os autores do roubo tiñan un perfecto coñecemento das instalacións, de modo que orientaron as pescudas sobre o persoal que, dunha ou outra forma, tiña acceso ás instalacións. Seguindo esta liña de investigación, centráronse as sospeitas sobre unha persoa que recentemente tivera relación cos servizos municipais con ocasión do cumprimento dunha pena de traballos en beneficio da comunidade.
Días despois da denuncia tívose coñecemento de que un veciño de Ponte Caldelas adquirira dúas máquinas rozadoras e unha das pértegas e que o vendedor era, precisamente, esa persoa sospeitosa, de modo que a Garda Civil interveu as ferramentas e procedeu á detención dese home como suposto autor do roubo.
O detido, de 58 anos, foi posto en liberdade tras prestar declaración no posto da Garda Civil de Ponte Caldelas. Tanto el como a súa ex muller e o seu fillo, en calidade de investigados, deberán comparecer cando sexan citadas no xulgado de garda de Pontevedra.
A investigación continúa aberta para o total esclarecemento dos feitos e xa permitiu a recuperación doutras dúas rozadoras e un pértega de podar que se localizaron no domicilio da ex parella e o fillo do detido, no municipio da Lama.