Dous detidos por unha aluaxe nunha gasolineira cun vehículo roubado e con matrícula falsificada
Por Redacción
A Policía Nacional detivo dous veciños de Vilagarcía de 45 e 47 anos, ambos con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de roubo con forza nunha gasolineira tras realizar unha aluaxe cun vehículo roubado e coa matrícula falsificada.
Os individuos supostamente fracturaron unha cristaleira dunha gasolineira de Vilagarcía utilizando un vehículo na madrugada do pasado 4 de decembro. Unha vez no interior forzaron a caixa rexistradora e revolveron os caixóns e os estantes. Os individuos abandonaron a gasolineira no vehículo subtraído, que resultou con numerosos danos.
Ese vehículo fora roubado días antes, o 29 de novembro, a un veciño de Vilagarcía e foi recuperado pola Policía Local estacionado nunha rúa de Vilagarcía e con múltiples danos e a matrícula manipulada nunha das súas letras.
Os axentes realizaron unha inspección ocular e puideron comprobar que o vehículo estivera implicado nun feito delituoso, de modo que abriron unha investigación na que pescudaron que fora utilizado polos agora detidos para rebentar a cristaleira da gasolineira.
Os policías atoparon restos do vehículo empregado para a fractura da cristaleira e decatáronse da falta da caixa rexistradora. Froito das investigacións realizadas, lograron identificar os dous sospeitosos, que foron detidos un este mércores 12 de decembro e o outro este xoves 13.
A ambos se lles imputan os delitos de roubo con forza, subtracción de vehículo e a falsificación de documento público (a matrícula). Unha vez oídos en declaración foron postos a disposición xudicial.