Rexistran depuradoras da rías de Arousa e Pontevedra por posibles irregularidades
Por Redacción
A Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas manteñen aberto dende primeira hora deste martes un operativo especial para o rexistro e inspección de plantas depuradoras das rías de Arousa e Pontevedra por posibles irregularidades na súa actividade.
Fontes da Vicepresidencia da Xunta confirmaron que os axentes implicados no operativo realizaron entradas e rexistros nunha ducia de depuradoras das provincias da Coruña e Pontevedra, se ben rexeitan facilitar datos máis concretos porque a investigación segue aberta e pode ter novos avances nas próximas horas.
Si confiran estas fontes que o operativo se iniciou esta mañá, pero responde a unha investigación previa que levan o Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira e a Policía Autonómica e que conta coa colaboración dos Gardacostas polas características do delito que se está a investigar.
Outras fontes confirmaron que a ducia de depuradoras investigadas se concentran no municipio de Poio na Ría de Pontevedra e nos concellos do Grove, Cambados e Boiro na Ría de Arousa.
Segundo confirmou a Xunta nun comunicado, a investigación está relacionada coa procedencia da ameixa que se comercializaba nestes establecementos. Segundo trascendeu, tería a súa orixe nunha operación desenvolvida en abril pola Policía Autonómica na que se localizaron depuradoras ilegais en Boiro e Cambados. Unhas semanas antes xa se detectara este tipo de actividades noutros municipios da costa coruñesa.