Detido un 'trapicheiro' que vendía marihuana en distintos puntos de Pontevedra e o seu subministrador
Por Redacción
Unha operación conxunta das policías Local e Nacional de Pontevedra permitiu a detención dun mozo da cidade que se dedicaba ao trapicheo de drogas e dun home da Illa de Arousa que lle subministraba a substancia.
Segundo informaron fontes policiais, a operación ten a súa orixe nunha intervención de axentes da Policía Local que tiñan informacións de que había un mozo con domicilio en Pontevedra que se dedicaba á venda polo miúdo de substancias estupefacientes, concretamente marihuana. Tras poder confirmar esas informacións, detivérono.
Os seguimentos que levaron a cabo os axentes da Policía Local permitiron acreditar que quedaba en distintos puntos da cidade con outros mozos para venderlles pequenas cantidades de marihuana. Finalmente, detivérono 'in fraganti'.
Unha vez detido, os axentes municipais trasladáronlle a dependencias da Comisaría Provincial da Policía Nacional xunto coas substancias estupefacientes intervidas. A partir dese momento, fixéronse cargo das investigacións os axentes do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes dese corpo, que lograron pescudar a identidade da persoa que lle fornecía a marihuana.
Trátase dun home sen antecedentes policiais con domicilio na Illa de Arousa que cunha periodicidade semanal trasladábase ata a capital da provincia para abastecer ao mozo pontevedrés. Finalmente, os axentes da Comisaría Provincial procederon á detención do subministrador da marihuana e á elaboración do consecuente atestado policial. Na súa vivenda atoparon dúas bolsas cuns 200 gramos de cogollos de marihuana.