![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51a37abc8d032-006.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Cánticos de "Nós parimos, nós decidimos" no pleno municipal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51a38bc9c850c-004.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51a38bfb6efd2-002.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Retrocedeuse no tempo e o Teatro Principal acolleu un debate propio de mediados dos oitenta. Dúas mocións do BNG e do PSOE en contra da lei que se está a promover dende o ministerio de Xustiza para modificar a actual normativa sobre a interrupción do embarazo. A concelleira nacionalista Carmen Fouces mostrouse moi vehemente ao expoñer que o borrador do equipo de Gallardón é un retroceso máis alá de 1985 e reclamou que se trate ás mulleres como maiores de idade para sentenciar: "As leis non van reducir o número de abortos, só os van ocultar".
Tamén a concelleira socialista, Carlota Román, criticou a postura do Partido Popular e sinalou que estas medidas do goberno van dirixidas "a obispos e á sociedade retrógada á que hai que facerlle un guiño".
Pola súa banda, María José Rodríguez Teso del Partido Popular, sinalou que o seu grupo se abstiña ante as mocións de socialistas e nacionalistas porque "só é un borrador. Cando haxa algo que debater, debatémolo,".
Nas butacas, un grupo de sindicalistas de CIG e UGT despregaron dúas pancartas reclamando ou dereito a abortar e a decidir. E tras a intervención do PP romperon nun tímido cántico: "Nós parimos, nós decidimos".
PLAN ESPECIAL DO PORTO DE MARÍN
O pleno aprobou un informe municipal cos votos do BNG e do PSOE contra o plan especial promovido pola Autoridade Portuaria para o Porto de Marín-Pontevedra. O PP reclamou unha comisión de deslinde para resolver as discrepancias co concello de Marín e a reactivación do Plan Xeral de Ordenación municipal para dotar de Parque Loxístico as instalacións.
Tamén se aprobou unha moción do grupo municipal do BNG, co apoio do PSOE, na que se reclama á Xunta de Galicia a aprobación dunha modificación no Plan de Ordenación do Litoral para evitar, segundo sinalou César Mosquera, a permanencia de ENCE e Elnosa en Lourizán. "Pedimos que a Xunta exerza ás súas competencias para que poña no DOGA e no BOE algunha medida que evite a permanencia na ría" explicaba o concelleiro do BNG que, igual que o socialista Agustín Fernández, criticaron os cambios de postura por parte do Partido Popular en relación con ENCE. "Non pode ser que o anterior voceiro mantivera unha postura e que o presidente da Deputación diga outra e que o presidente da Xunta diga que xa se verá".
Ricardo Aguilar, por parte do PP, respondeu que "a ustedes no les importa que esta empresa se sitúe fuera de esta comarca" e acusou ao BNG de descoñecer o Plan de Ordenación do Litoral e xerar outro prexuízo "por non dispoñer de PXOM".