Comeza a reparación de 200 bancos no centro urbano e nos barrios
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciou un zafarrancho de mantemento e reparación de bancos de madeira das rúas e parques da cidade e dos barrios para alongar a súa vida últil. A actuación ten un investimento de máis de 23.000 euros, co que tamén se tratarán papeleiras e fontes.
En total traballarase en 200 bancos situados en distintos puntos da área urbana dende a Illa do Cobo até o centro da cidade ou o barrio de Monte Porreiro.
O traballo consiste na limpeza de toda a estrutura; no decapado, lixado e vernizado das madeiras que se realizará no mesmo sito no que se atopa o banco ou, nalgúns casos, trasladarase para tratalos no taller. Tamén se limparán e pintarán os pes de metal. No caso que sexa necesario, repararanse ou substituiranse aquelas táboas ou pezas que estean en mal estado ou que haxa que retirar.
Ademais do tratamento aos bancos, bancadas e asentos, tamén se fará un tratamento a papeleiras e fontes dalgunhas das prazas.
Entra nestes labores o mobiliario urbano situado na rúa Italia, Alemaña, Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido, Escocia, a praza de Europa, a praza Reino Unido, todas elas do barrio de Monte Porreiro; o parque Amalia Álvarez, Eduardo Pondal, Santa Teresa de Jesús Jornet, avenida de Marín, Enrique Labarta, Frei Tomé de Sarria, Glorieta de Compostela, O Burgo, Alcalde Hevia, rúa da Pomba, Fernando II ou os bancos da Illa do Cobo.
Esta intervención nos bancos da cidade faise anualmente atendendo a aqueles que se atopan en peor estado. De feito, en 2017 o Concello tamén fixo mantemento e reparacións en máis de 400 bancos tanto do centro da cidade como dos barrios.
A intervención no mobiliario urbano de madeira do Concello é habitual pasado certo tempo, dado que o uso e, especialmente, a climatoloxía deterioran o material dos bancos, de tal modo que non resultan agradables para o seu uso; e incluso poden chegar a resultar perigosos para os usuarios.