O PP critica no Parlamento á oposición por "enredar" co Hospital do Salnés
Por Oskar Viéitez
O portavoz de Sanidade do grupo popular, Aurelio Núñez Centeno, criticou este mércores que os partidos da oposición "estean máis por enredar que por coñecer a realidade que se vive no Hospital do Salnés".
Foi a resposta dos populares na Cámara galega á proposta do portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, na que reclamou un plan de contratación que permita reabrir a terceira planta do hospital do Salnés.
O responsable socialista defendeu a autonomía do centro e un servizo de calidade "digno dun hospital e non dun ambulatorio grande", no debate dunha proposición non de Lei en Comisión Parlamentaria que foi vetada polo PP.
O portavoz popular explicou que "a porcentaxe media de ocupación das dúas plantas nos meses de outubro e novembro foi do 72,4 e do 73 por cento, respectivamente". Así mesmo, indicou que "a media de camas de hospitalización dispoñibles durante as mesmas datas foi do 12,2 e do 10,6 por cento".
Pola súa banda Torrado sinalou que a situación do hospital está "por debaixo do aceptable" e ten consecuencias como o sucedido en outubro e novembro cando, a causa da falta de camas, se tiveron que ingresar pacientes en urxencias durante máis de 24 horas, limitando aínda máis as capacidades do hospital.