Un condutor de 73 anos dáse á fuga tras atropelar unha muller e a súa filla en Bueu
Por Redacción
A Policía Local de Bueu lograba identificar, a últimas horas da tarde deste luns, un condutor de avanzada idade como presunto autor do atropelo dunha muller e a súa filla na avenida de Marín no municipio de Bueu.
O atropelo, segundo confirmaban fontes da propia Policía Local de Bueu, rexistrábase ao redor das 19.00 horas cando o condutor impactaba contra as dúas mulleres que tentaban cruzar nun paso de peóns desta céntrica zona de Bueu.
O home, de 73 anos, abandonaba o lugar como consecuencia do estado de nervios que sufría tras o atropelo, segundo as mesmas fontes.
As vítimas foron trasladadas por unha ambulancia ao Hospital Montecelo onde eran atendidas de diferentes traumatismos en pernas e brazos. A Policía Local abriu a correspondente denuncia contra o autor do atropelo, que recoñecía todos os feitos.