O PP de Poio denuncia que o saneamento do Camiño Loureiro deixa fóra ao 90% dos veciños
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O voceiro do PP de Poio para a parroquia de Combarro, Tucho Muíños, denunciou este luns a forma na que se están a executar as obras do Camiño de Loureiro en Cidrás, pois asegura que chegan seis anos tarde e "deixa fóra ao 90% dos veciños".
Segundo sostén Muíños, a opción escollida polo Concello para instalar sumidoiros neste núcleo de Cidrás supón un investimento de 167.000 euros. Ao facerse pola parte de arriba das vivendas, só permitirá o enganche directo de dúas casas, obrigando ao resto a facer un desembolso para poder ter servizo.
Ao respecto, lembrou que os propios veciños conseguiran anos atrás unha subvención da anterior Deputación por importe de 18.000 euros para un proxecto que inicialmente estaba valorado en 25.000 euros. Segundo ese proxecto proposto por eles mesmos, serían os propios residentes deste camiño os que cederían os terreos necesarios para a obra, pola parte de abaixo das casas.
Muíños recordou que os veciños se moveron para poder ter saneamento daquela, e conseguiron o financiamento da anterior Deputación. Ademais, foron os propios residentes os que negociaron a cesión dos terreos necesarios para poder poñer as canalizacións, pero "despois de todos eses esforzos e todas aquelas xestións", o alcalde, Luciano Sobral, "faltou á súa palabra" e os veciños perderon aquela subvención e tamén varios anos que podían ter desfrutado de saneamento .
Insiste en que agora o Concello chega seis anos tarde e cunha opción moito peor que, ademais supón un gasto de 167.000 euros a cargo do Plan Concellos.